|
Esta asociación nace no ano 1989 da man de D. Gervasio Salgueiro Estévez, quen forma en solfexo e técnica instrumental 19 rapaces de idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos, que pasarán a denominarse «Banda de Música Cultural de Teo». A súa presentación ten lugar o día 28 de marzo de 1989 na compostelá praza do Obradoiro. En 1991, no mes de xaneiro, grava por primeira vez para a Radio Galega e, en xuño, desprázase a Mollet del Vallès, onde realiza varios concertos para o Centro Galego. Esta viaxe repetirase en 1995. En agosto de 1995, a batuta desta entidade cambia de mans, pasando a estar dirixida por D. Manuel Abelleira, que ocupará o posto durante tres anos. En outubro de 1998 faise cargo da dirección da banda e das clases da escola de música un xove músico portugués, D. Lourenço da Silva Cruz. No ano 2000, a «Banda de Música Cultural de Teo» realiza varias colaboracións coa TVG e coa TVE-Galicia. Neste mesmo ano, o 5 de novembro, ten lugar a primeira edición do «Festival de Bandas de Música de Santa M.ª de Teo». No mes de decembro de 2001 faise cargo da dirección da banda e da escola de música D. Xosé Varela Pardo. En novembro de 2005, D. Miguel Rodríguez Barrio é presentado como director e, baixo a súa dirección, grávase en 2006 o primeiro traballo discográfico da agrupación, «Ó xeito do corpo». No ano 2007, a Banda Cultural de Teo participa nos actos na honra do patrón de Galicia organizados polo Centro Galego de Santander. En novembro deste mesmo ano acada o 3.º premio na 2.ª sección no «I Certame de Bandas de Galicia». En decembro deste mesmo ano, 2007, é D. Álvaro Varela Ferradáns quen se fai cargo da dirección da formación. En 2008 participa de novo no «Certame de Bandas de Galicia» e, en 2010, no XI Certame Internacional de Bandas de Música «Villa de Aranda» (Aranda de Duero). No ano 2011 preséntase unha vez máis ao «V Certame de Bandas de Galicia», acadando o 3.º premio. No ano 2012 grava e presenta o seu segundo traballo discográfico, «Por vós… para todos», dedicado aos dous primeiros directores da banda, Gervasio Salgueiro e Manuel Abelleira, e ao xornalista Nicolás Camino. Organízase o 1.º campamento de verán e, ademais, volve participar no «VI Certame de Bandas de Galicia», onde acada o premio á mellor interpretación dunha obra de temática galega. No ano 2014, a banda acada o 1.º posto na sección primeira do VIII Certame Galego de Bandas de Música, evento que tivo lugar no Auditorio de Música de Santiago de Compostela, logrando así un gran recoñecemento no ano do seu 25.º aniversario. O 31 de xullo de 2016, en Toro (Zamora), a Banda Cultural gaña o III Certame Internacional Armónico de Bandas de Música, conseguindo o primeiro posto tras acadar 510 puntos, o que se converte no maior recoñecemento outorgado á banda en toda a súa historia. No mes de xullo de 2019 obtén un gran recoñecemento ao ser seleccionada para participar na 133.ª edición do Certame Internacional de Bandas de Música «Ciutat de València», un dos máis importantes do mundo, coa presenza de bandas de música dos cinco continentes.
No mes de decembro de 2019, D. Francisco Fernández Pérez é presentado como o novo director da banda. No mes de xullo de 2022, a Banda Cultural de Teo participa no V CIBM Ciudad de Benavente, xunto con outras 12 bandas de música de toda a xeografía española e portuguesa, obtendo un moi merecido 4.º posto, que lle foi recoñecido co premio «Banda de Música Maestro Lupi».
|
No ano 2024, a Banda de Música Cultural de Teo alcanzou un dos seus maiores recoñecementos ao conquistar o terceiro posto na categoría superior do Certame Internacional Flicorno D’Oro 2024, en Riva del Garda (Italia).

Finalmente, dende comezos do ano 2025, a banda está dirixida por D. Javier González Borrajo, co que a agrupación xa está a realizar diferentes proxectos.






